Vivenda estuda a construción de 40 vivendas sociais en Noia

vivendassociaisnoia_100_110108.jpgNOIA > A Consellería de Vivenda ten previsto analizar unha parcela ofrecida polo concello de Noia para a construción de arredor de 40 vivendas protexidas.

Así o acordaron o Delegado Provincial desta Consellería, Xoán Carlos Bascuas, o tenente de alcalde de Noia, Bieito González, e o concelleiro de Urbanismo, Xosé Castro, nunha reunión celebrada na Coruña.

Segundo informaron fontes da Consellería de Vivenda e Solo nos próximos días un técnico desprazarase a Noia para comproba-lo estado, as dimensións e a edificabilidade desta parcela que ofrece o concello noiés, e que está situada na unidade de actuación número 3 de San Lázaro. Este terreo conta cunha superficie de 3.600 metros cadrados edificables dos que resultarían arredor de 40 vivendas protexidas.

Reurbanización de espazos públicos

A Consellería de Vivenda e Solo tamén estudará a posibilidade de asinar un convenio de colaboración co concello de Noia para reurbanizar a zona de Muíños de Pedrachán, na ribeira do río Trava. As obras de mellora consistirían no acondicionamento do entorno incluíndo os accesos e o lavadoiro alí existente.

A Consellería de Vivenda e Solo ten unha liña de axudas ós concellos para a mellora, renovación e reurbanización de espazos públicos degradados, tanto nos centros históricos urbanos como nos núcleos de poboación rural.

Na reunión celebrada na Coruña, o concelleiro de Urbanismo tamén lle informou ó Delegado Provincial de Vivenda de que o novo Plan Xeral de Ordenación Urbana que está a elabora-lo executivo prevé a reserva dunha superficie de 120 mil metros cadrados para uso industrial e comercial.

{flowplayer}barbanza/vivendassociaisnoia.flv{/flowplayer}

Redacción Barbanza