PONTEVEDRA> Volve o Jazz a Pontevedra. Tras a celebración dos primeiros concertos enmarcados nas festas de verán, a Boa Vila acollerá, a partir de mañá as tradicionais “noites de jazz”. Unha ampla programación con máis de 45 artistas que se desenvolverá en dúas prazas da cidade.
O jazz volverá a soar esta semana en Pontevedra grazas a un dos eventos máis clásicos das festas de verán. “Noites de jazz” regresa mañá á cidade do Lérez con case medio centenar de artistas da nosa terra.
Tras a pandemia, o goberno municipal tivo que readaptar toda a programación das festas de verán. Este ano todos os artistas que pasarán polas Noites de Jazz serán músicos galegos ou afincados en Galicia. Ademais, co obxectivo de evitar aglomeracións e, ao igual que noutros eventos que se desenvolverán ao longo dos meses de xullo e agosto na Boa Vila, as Noites de Jazz terán lugar, de maneira simultánea, en dous escenarios: a Praza da Pedreira e a Praza de España.
Noites de Jazz arrancará mañá coa actuación de Manu Díaz e de Antilia. Nos vindeiros días actuarán artistas como The Jezz Trío, Rosolino Marinello Quartet, Adrián Solla Trío ou Iago Fernández Grupo. Ademais, este ano tampouco faltará o Jazz pola rúa a cargo da Street Band.