O BNG de Ribeira denuncia recortes no programa municipal de conciliación

RIBEIRA> Nesta xornada de apertura do curso, houbo tamén espazo para a crítica. O BNG de Ribeira denuncia o recorte no servizo de conciliación que non dá resposta ás demandas das ANPAS. Advirten tamén das incidencias rexistradas nas liñas de transporte escolar.

O voceiro do BNG en Ribeira lembrou que o pasado curso, baixo o seu mandato, se puxo en marcha un programa de conciliación polo que o concello sufragaba unha hora de monitorado para os centros públicos que as ANPAS podían destinar tanto a servizo de madruga como de comedor. Este ano, ademais do retraso no inicio do servizo, introducíronse unha serie de modificacións que non veñen dar respostas ás necesidades reais de cada centro.

Ademais das dificultades para conciliar que teñen que afrontar as familias ó carecer aínda deste servizo básico, O BNG denuncia novamente os problemas co transporte escolar co numerosas incidencias ó longo da xornada.

Ante esta situación, os nacionalistas piden ó goberno que realice os oportunos requirimentos para planificar un transporte eficiente. Demándanlle á súa vez que, escoite ás ANPAs en aras de garantir un servizo de conciliación flexible, útil e adaptado.