A Deputación financiará o 80 por cento da renovación do campo de fútbol de Lousame

LOUSAME> A Deputación da Coruña subvencionará a renovación do campo de fútbol de Cabanetán, en Lousame. A actuación, cun orzamento de máis de 200 mil euros, suporá unha importante mellora na instalación deportiva.

O presidente da Deputación da Coruña desprazábase esta mañá ata o concello de Lousame na que foi a súa primeira visita oficial dende que Esteban Ares accedese á alcaldía. Alí, ámbolos dous mandatarios oficializaron o convenio polo que se acometerá a renovación do campo de fútbol de Cabanetán. O ente provincial achegará o 80 por cento dos 204 mil euros que custará a execución do proxecto.

Esta achega provincial súmase ós numerosos investimentos que ten feito a Deputación no concello de Lousame dende o ano 2016, que suman uns 13 millóns de euros entre as distintas liñas de axudas e plans provinciais.

Precisamente, unha desas actuacións é a mellora acometida na estrada de Pousada a Carantoña, que supuxo un investimento de máis de 50  mil euros con cargo ó Plan Único.