A reordenación do tráfico en Vilagarcía, sen apenas contratempos

VILAGARCÍA> Vilagarcía vaise afacendo paseniñamente á reordenación do seu tráfico, sen grandes contratempos. A cidade vive estes días pendente de novos sentidos de circulación e novos semáforos. Dende o concello recoñecen as molestias que poden causar estes cambios e pídenlle comprensión ós condutores.

Vilagarcía vive con normalidade os cambios de tráfico postos en marcha dende o pasado xoves. A ponte festiva contribuíu a pospoñe-los atascos, polo menos ata hoxe. Con todo, esta mañá a circulación no centro da cidade era bastante fluída, aínda que  con retencións puntuais.

A proba decisiva chegará mañá: día de mercado. Á espera de ve-lo que ocorre, o certo é que a revolución na circulación rodada no centro de Vilagarcía levouse a cabo sen grandes sobresaltos. O único que fallou, segundo apuntan dende o Concello, foi o retraso na posta en marcha do novo semáforo de doutor Tourón.

A reordenación do tráfico era, segundo di o concelleiro, unha vella demanda dos comerciantes e veciños das zonas implicadas. Os cambios, recoñece Lino Mourino, poden resultar molestos, polo que lle pide comprensión ós usuarios das vías.

Os novos cambios no tráfico contan cun seguimento por parte do Concello e tamén da Policía Local. No caso de que algunha das melloras non dea o resultado agardado, dende Ravella non descartan implantar modificacións que incentiven unha circulación máis fluída polo centro da cidade.