![]()
RIBEIRA > O remolcador Don Inda permanece arestora no lugar onde se atopa afundido o Cordero despois de que ó longo de toda a xornada un amplo dispositivo de busca continuara, sen éxito, a procura dos corpos dos catro mariñeiros desaparecidos.
A pesar de que no mar a situación meteorolóxica aínda é complicada, a leve melloría no tempo permitiu ampliar considerablemente o número de medios que participan nos labores de salvamento. Mentres, en terra, o patrón do Cordero saíu esta tarde da Unidade de Coidados Intensivos e foi trasladado a planta, onde evoluciona favorablemente.
A situación meteorolóxica vivida ó longo de toda a xornada permitiu incrementar considerablemente o número de medios que conforman o dispositivo de busca, despois de que a noite pasada tan só o buque Don Inda permanecera no lugar do naufraxio.
Hoxe, e a pesar do temporal con ventos de forza 8 e mar grosa con ondas de seis a sete metros, saíron ó mar tres embarcacións de salvamento que rastrearon a costa dende Coruña ata Ribadeo mentres que o remolcador Don Inda e o buque Irmáns García Nodal patrullaron as proximidades do lugar no que se atopa afundido o pecio. Os medios marítimos estiveron apoiados no aire por dous avións que realizaron varios voos de recoñecemento mentres que os helicópteros Helimer Galicia e Pesca II permaneceron nas súas bases como reforzo. Tamén en terra, Proteción Civil despregou un amplo dispositivo na costa.
Na actualidade, os labores de busca estanse a centrar dende Estaca de Bares cara o leste, zona onde segundo os cálculos realizados polos servizos de salvamento puideron ser arrastrados os corpos.
Apoio psicolóxico
Mañá, volverá estar operativo un dispositivo de salvamento similar ó desta xonrada, incorporando un buque de salvamento na costa asturiana e outra embarcación da Cruz Vermella do Mar. Ademais reforzarase con cinco novos profesionais, o equipo de psicólogos que atende ós familiares dos mariñeiros desaparecidos.
A pesar de que o protocolo habitual de actuación establece un dispositivo de busca intensiva durante as 72 horas posteriores ó naufraxio, está previsto que continúe nos próximos días debido ás especiais circunstancias que rodean o operativo de busca dos tripulantes do Cordero, condicionado pola difícil situación no mar.
Investigación aberta
Á espera de coñece-las causas que provocaron o sinistro do Cordero, son moitas as especulacións en torno ás razóns polas que afundiu o barco e se podería terse evitado a traxedia. Mentres a investigación xa está en mans da capitanía marítima de Vilagarcía, dende as administracións insisten en que os servizos de Salvamento actuaron correctamente, mobilizando de inmediato os medios técnicos e humanos necesarios.
O director Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca, Antonio García Elorriaga, alabou igualmente a actuación dos profesionais do servizo de salvamento marítimo que arriscaron as súas vidas, nun rescate moi complicado.
{flowplayer}barbanza/buscacordero.flv{/flowplayer}
Redacción Barbanza










