O CIM de Vilanova atendeu máis de 600 consultas durante 2007

    anamaracarballa100_210108.jpgVILANOVA > O Centro de Información á Muller atendeu un total de 630 consultas de asesoramento …

    … O Centro, dependente da Concellería da Muller, que dirixe Ana María Carballa, fai balance das accións nas que se traballou durante o ano 2007.

    O Centro de Información á Muller atendeu durante o 2007 un total de 630 consultas, distribuídas en diferentes áreas (área xurídica, área profesional, área de emprego, área de recursos, etc). Cabe suliñar que aínda que o groso das consultas foron realizadas por mulleres tamén hai un pequeno porcentaxe de homes, un 5%, que fixo uso dos recursos e información deste servicio. A meirande parte das consultas corresponden ós tramos de idade comprendidos entre 36 a 45 (176 consultas ), de 46 a 55 (160) e de 56 ou máis (116).

    A denominada Área de recursos é a que sumou maior número de consultas, un total de 353, que se dividen por igual en tres grandes cuestións: a saúde, os temas relativos a asociacionismo de mulleres e os servicios sociais, así como ás actividades de tempo libre que se programan dende o CIM. A área xurídica, aglutinou este pasado 2007 un total de 189 consultas.

    No marco da área xurídica preto do 40% correspondeuse coas cuestións relativas ao dereito de familia, destacando neste ámbito a información en xeral relacionada con divorcios e separacións matrimoniais. Así mesmo, neste área o 15% correspondeuse a cuestións relativas a servizos de xustiza gratuita, outro 15% a deretito administrativo e un 10 % a consultas relativas a dereito penal. Pola súa banda, a área de información sobre a actividade do Servicio Galego de Igualdade recibiu 39 consultas referidas a premios e subvencións, estudos, centros de información, documentación, etc.

    DINAMIZACIÓN

    Desde o CIM tamén se organizan actividades encamiñadas á dinamizar os asociacións de mulleres e concienciar aos distintos colectivos sociais, sobre todo os xóvenes, sobre a necesidade de defender a igualdade entre homes e mulleres. No 2007 desenvolvéronse sesións de teatro solidario, dirixidas a nenos, mozos e adultos. Así, o salón de actos da Casa de Cultura de Esteiro acolleu os contacontos da igualdade ‘Un día de Treboada’ e ‘Xela volveuse vampira’ na que participaron centos de escolares do municipio, e a obra de teatro ‘Rotas’, unha reflexión sobre a igualdade de xénero á que se convidou a todos os colectivos de mulleres rurais da vila.

    Con motivo do día 25 de Novembro o CIM tamén programou unha semana de charlas no Instituto Faro das Lúas baixo o lema ‘Non á discriminación’. Durante o 2007 tamén se organizou unha saída a Panxón para os colectivos de Mulleres Rurais, con un interesante programa de visitas culturais, ademáis do tradicional encontro de confraternidade que se celebra cada ano con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero. Como ven sendo habitual, tamén o CIM continuou coa súa participación no programa ‘Pensa en ti’ dirixido pola Deputación Provincial de Pontevedra aos colectivos de mulleres rurais.

    Redacción Salnés