Noia contará cunha oficina de emprego nos baixos do ISM

delegadatraballo_100_210108.jpgNOIA > A delegada da Consellería de Traballo, María Debén visitou o concello de Noia para informar da próxima apertura dunha oficina de emprego na localidade.

Os preto de novecentos demandantes de emprego do concello de Noia que figuran inscritos nas oficinas do INEM de Boiro poderán en menos de tres meses dispoñer deste servizo na súa localidade. Os baixos do inmoble do Instituto Social da Mariña, situado na avenida da República Arxentina, acollerán as novas oficinas, onde tamén poderán acudir os preceptores de prestacións por desemprego.

Segundo explicou María Debén, nos vindeiros días darán comenzo os traballos para adecuar as novas oficinas, que contan cun orzamento de 38.000 euros.

Debén anunciou tamén ao mandatario noiés a renovación da achega para a contratación dun axente de desenvolvemento local. Asemade, a delegada valorou de xeito moi positivo todo o traballo no tocante a políticas de emprego que se está a realizar dende o concello de Noia.

Neste último ano, a consellería de Traballo investiu máis de 300.000 euros na localidade que se repartiron entre programas de cooperación, cursos do plan de formación e inserción laboral e obradoiros de emprego.

Bancos de tempo

Na xuntanza de traballo que mantiveron ambos dirixentes abordaron a posibilidade de que o concello de Noia conte nun futuro cun axente que inicie as xestións para poñer en marcha no municipio unha moderna iniciativa de emprego:os denominados bancos de tempo.

A iniciativa dos bancos de tempo consiste en crear un campo de intercambio de tempo entre persoas para a provisión recíproca de axuda e servizos. Cada persoa ofrece ao banco horas do seu tempo en función das habilidades ou coñecementos que ten, e recibe a cambio servizos de outros usuarios do banco. Esta iniciativa, pioneira en Galicia, leva anos funcionando en países europeos como Italia ou Gran Bretaña e tamén en varias cidades españolas, entre elas, Barcelona.

{flowplayer}barbanza/delegadatraballo.flv{/flowplayer}

Redacción Barbanza