Cambados remata o ensanche na estrada A Modia – San Antón

    estradamodiaensanche100_240108.jpgCAMBADOS > As obras de ensanche e urbanización da estrada provincial Fefiñáns-Oubiña avanzan a moi bo ritmo …

    … co remate dun espectacular muro de contención de pedra construído para evitar derrubes, fronte á capela de San Antón (Vilariño). A carón deste muro estase a instalar a nova tubería de abastecemento de auga.

    estradamodiatubos200_240108.jpgEste tipo de reforzamento amurallado tamén se realizou noutras zonas do traxecto, ademais do derrubo e reconstrución de muros que delimitaban fincas, traballos que se puideron acometer mediante a negociación do Concello cos veciños, que cederon os terreos necesarios para rematar esta estrada provincial que une as parroquias de Vilariño (por A Modia) e Oubiña. A previsión indica que as obras poderían rematar antes do próximo verán, un prazo curto tendo en conta a dimensión dos traballos realizados.

    Unha vez rematado o ensanche, xa principiou a derradeira fase das beirarrúas, do alumeado e asfaltado deste tramo final en Oubiña, nunha estrada que tamén supón un enlace importante de acceso ó polígono industrial de Sete Pías. Trátase dun vial moi transitado por servir de conexión do centro urbano coas parroquias de Vilariño e Oubiña, alternativa á outra estrada provincial que atravesa a rotonda de Vilariño e o centro urbanizado da mesma parroquia. Ademais do reforzamento de muros e retranqueos, en Oubiña vaise proceder o derrubo e reconstrución de dous galpóns para deixarlle espazo á renovada infraestrutura que, pola súa amplitude e complexidade, leva máis de 2 anos en obras nas súas distintas fases.

    Deputación e Concello están a investir máis de un millón de euros, en varias fases, na mellora deste importante vial que incrementa a súa carga de tráfico e representa un nova esforzo por mellorar as comunicacións internas entre as parroquias do municipio.

    Redacción Salnés