Unha xornada máis sen gañar, unha oportunidade menos

futbolsala250vid_220108_001.jpgSALNÉS > Unha oportunidade menos para evita-lo descenso. Mala xornada para os equipos da comarca do Salnés. Derrota do Hermanos Barbeito en Vilalonga que lle mantén no penúltimo posto, mentres que o Grupo Junquera complícase a vida despois de caer en Gondomar.

O Hermanos Barbeito non puido colleita-la súa segunda victoria consecutiva e caeu no pavillón de Vilalonga ante o Parrulo por 3-7. A derrota entraba dentro do previsto xa que os ferroláns partían a comezo de temporada coma un dos claros candidatos ó ascenso, cun plantel repleto de xogadores expertos. O sábado puido esa experiencia.

Os visitantes levaron o peso do encontro e controlaron a posesión do balón. Pese á certa superioridade da que dispuxo o Parrulo, o Barbeito non se descompuxo e chegou ó descanso con opcións de desputa-lo encontro (2-3).

Pero trala reanudación emerxeron as figuras de Pana e Regueira que se asociaron á perfección para sentencia-lo partido e poñer no marcador o 3-7 final. Os goleadores: polos locais Pibe e Beto por partida dobre; polos visitantes Pana (4), Regueira (2) e Héctor.

Nesta ocasión Rodri non saíu moi contento co traballo feito polos seus xogadores; o equipo perdeu demasiados balóns en zonas perigosas,o que facilitou a labor ofensiva do rival. Falando de rivais, o próximo para os portonoveses será o Puertas Deyma, sexto clasificado.

En Nacional B, derrota tamén do Grupo Junquera, desta volta en Gondomar ante o Jacacoba (3-2). Os vilagarciáns, como ven sendo habitual, fixeron un bo partido, controlando o balón e dispoñendo de ocasións, pero non foron quen de materializalas, unhas veces por erros propios e outras polo acerto do porteiro rival. Os locais puxéronse 2-0 aínda que Santi recortou diferencias antes do descanso. Trala reanudación igualaría o choque Isaac, despois de facer una espléndida parede con Fran, pero Domínguez a seis para o final certificaría o triunfo para os de Gondomar.

Con esta derrota os de Esteban Paz quedan duodécimos na táboa nunha posición moi incómoda, preto dos postos de descenso.

{flowplayer}images/salnes/futbolsala_220108.flv{/flowplayer}

Redacción Salnés