Uns 250 pacientes pasaron xa polo Servizo de Cardioloxía no Salnés

    juanatey_cardiosalnes100_220108.jpgVILAGARCÍA > Arredor de 250 pacientes asistiron ás consultas de Cardioloxía no Hospital do Salnés. Desde o pasado 18 de decembro …

    … dous especialistas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago ofrecen esta consulta os martes e xoves.

    Dende mediados de decembro pasaron polo Hospital do Salnés arredor de 250 pacientes de Cardioloxía. As patoloxías máis frecuentes son dor torácica, disnea ou arritmias e soplos. O xefe de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, José Ramón González Juanatey, asegura estar ‘máis que satisfeito’ con este novo servizo que xa viñan prestando no Hospital do Barbanza e no centro de saúde de Lalín. E é que desde o pasado 18 de decembro, dous especialistas do CHUS ofrecen esta consulta os martes e xoves. 

    As persoas atendidas por estes especialistas son sometidas ás probas diagnósticas no mesmo día, o que reduce substancialmente as visitas ao hospital. González Juanatey sinala que ‘o 80 por cento dos pacientes saen diagnosticados e tratados e non precisan dun seguimento en Cardioloxía, e só o 15 por cento debe regresar á outra consulta co especialista’. En tódolos casos, os pacientes saen da consulta cun informe para o seu médico de Atención Primaria.

    O hospital arousán conta tamén cunha consulta de revisión, simultánea ás consultas de Cardioloxía, que ‘está atendida por un especialista do propio Hospital do Salnés e por un profesional de Enfermería que apoia a labor de todo este equipo’, destaca o xefe de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

    COLABORACIÓN DE ATENCIÓN PRIMARIA

    José Ramón González Juanatey salienta tamén a ‘colaboración prestada polo departamento de Atención Primaria de Pontevedra’, que permite aplicar sen problemas esta consulta, xa que os pacientes derivados chegan ao Hospital coas analíticas, electrocardiogramas e radiografías de tórax feitos, o que contribúe a acelerar o diagnóstico. Os profesionais da Cardioloxía que se desprazan dende Santiago levan consigo un ecocardiograma portátil de última xeración, o que permite facer ‘in situ’ a maioría das probas que se precisan neste tipo de consultas.

    Ademais, o Hospital do Salnés conta cun holter e a partir de febreiro poderá facer as probas de esforzo, o que, segundo González Juanatey ‘permitirá facer a maior parte das probas necesarias nunha primeira consulta. O resto, cateterismos, estudos electrofisiolóxicos, e probas que requiren alta tecnoloxía facémolas en Santiago’.

    Redacción Salnés