Pictogramas nos escaparates para facer do comercio vilagarcián un lugar accesible

VILAGARCIA> O comercio local de Vilagarcía énchese de pictogramas destinados a persoas con autismo. Faino grazas á iniciativa ‘Vilapicto’ impulsada polo alumnado do colexio Sagrada Familia, en colaboración con Bata e Zona Aberta. Esta mañá comezaron o pendurado das primeiras etiquetas nalgúns dos escaparates do centro da cidade, co obxectivo de converter estes establecementos en lugares máis accesibles.

Facer do comercio local de Vilgarcía un lugar máis accesible. Con esta premisa nace a iniciativa ‘Vilapicto’. Trátase dun proxecto do alumnado de 4º de primaria do Colexio Sagrada Familia da cidade. No centro elaboraron unha serie de pictogramas, en colaboración con Bata, destinados á persoas diagnosticadas co trastorno de espectro autista.

E para iso, na iniciativa tamén está a colaborar Zona Aberta. No colectivo de comerciantes vilagarcián felicitan á rapaza por esta iniciativa que serve, explican, para converte-los establecementos da cidade en lugares máis accesibles para todo o mundo.

Durante esta mañá, un grupo de alumnos, acompañados das súas mestras, membros de Zona Aberta e os concelleiros vilagarciáns Tania García e Álvaro Carou percorreron varios negocios do centro pendurando dos escaparates estes carteis. Unha sinalética que, por certo, acompaña o pictograma coa súa denominación en galego. É dicir, permite ao mesmo tempo dinamiza-la lingua galega.

O concello colaborou con esta iniciativa encargándose da impresión destas etiquetas. Fixéronse copias abondo como para poder repartir non só polos establecementos adheridos a Zona Aberta, senón que tamén polo resto de negocios do municipio.