Os afectados por Megasa piden unha xuntanza co concello

    fabricamegasa_100.jpgVILAGARCÍA > Os veciños de A Laxe, en Vilagarcía, seguen preocupados pola emisión de residuos da empresa MEGASA, situada na entrada da cidade.

    A comisión de afectados pídelle ó concello de Vilagarcía unha xuntanza na que lle poidan explicar persoalmente ó goberno local os problemas que a fábrica lle está a causar ó medioambiente. Ademais, tamén lle esixen ó executivo que os informe sobre o estado e a legalidade da instalación.

    O problema dos veciños de A Laxe coa empresa MEGASA ven de lonxe. Xa no ano 2005 os afectados comezaron a pedirlle información ó concello e a Consellería de Medio Ambiente, sobre a emisión de residuos á atmósfera da empresa Metalgráfica Gallega, adicada a fabricación e estampados de envases metálicos. Uns informes que no seu momento recoñeceron que a empresa incumpría os límites de emisión de compostos orgánicos volátiles da Unión Europea.

    Agora a comisión de veciños afectados convocou unha asemblea para o vindeiro sábado 26 de xaneiro, coa que pretenden acadar un consenso das distintas forzas sociais e políticas de Vilagarcía, co obxecto de poder levar as súas propostas ó pleno do concello. Un consenso que polo de agora está pendente das reticencias mostrados por parte do sindicato de Comisións Obreiras cara o traslado da fábrica.

    Ademais, polo de agora os veciños aínda non conseguiron manter unha xuntanza co goberno local. Apelando á Lei pola cal teñen dereito á información en materias de medioambiente, pídenlle ó executivo vilagarciá que se reúna con eles. Queren transmitirlle persoalmente as súas inquedanzas á alcaldía sobre a seguridade dos residuos emitidos pola empresa, e á súa vez poder coñecer de primeira man a situación legal das instalacións de MEGASA. Tamén queren ter a garantía de que se vai a facer por parte do concello un control permanente sobre o cumprimento estrito da legalidade en canto á actividade industrial da empresa. Dende o concello aseguraron hoxe que esta xuntanza se vai a manter, pero aínda non dixeron datas.

    Redacción Salnés