Giráldez lamenta a ‘falta de lealdade’ de Comesaña por informar primeiro á candidata do PP sobre os avances do novo centro de saúde

MEIS> Sanidade comeza os trámites para a licitación do novo centro de saúde de Meis. O anuncio fíxollo o propio Conselleiro á líder do PP na localidade, algo que xerou moito malestar no goberno local. A alcaldesa acusa a Julio García Comesaña de falta de lealdade institucional, ao comunicarlle os avances antes á candidata popular que a propia rexedora. Marta Giráldez aproveitou tamén hoxe para volver denuncia-la falta de médicos na Rochela, un centro de saúde que tanto nesta xornada como o vindeiro luns carecerá de médicos.

A alcaldesa de Meis está moi molesta co Conselleiro de Sanidade. Julio García Comesaña trasladoulle á líder do PP na localidade e non a Marta Giráldez que van comeza-los trámites para a licitación do novo centro de saúde, a través da Axencia Galega de Infraestruturas. A socialista acusa ao Conselleiro de falta de lealdade institucional, ao facerlle este anuncio antes á candidata dos populares que ao goberno local.

Esta mañá Giráldez envioulle unha carta ao Conselleiro amosando o seu malestar. Pola súa banda, pídelle ‘seriedade’ a Marta Lucio.

Ademais, o goberno local aproveitou para denunciar, unha vez máis, a falta de médicos no concello. Hoxe había facultativo no consultorio de San Martiño, pero non neste centro de saúde da Rochela, onde terían que estar pasando consulta dous doutores. Unha situación que se vai repetir o vindeiro luns.

Unha situación que se produce coa vista posta na manifestación do vindeiro domingo en Santiago en defensa da atención primaria. O concello meisino fretará un autobús.

As últimas prazas que quedaban por cubrir nese autobús xa foron cubertas ao longo desta mañá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí