A APA do Colexio de Catoira denuncia o atraso das obras de remodelación

    colexio_catoira_100b.jpgCATOIRA > As nais e pais dos trescentos alumnos de entre tres e dazaseis anos que acoden a clases neste complexo educativo de Catoira, están preocupados…

    … polo estado no que quedou o entorno, principalmente o patio e a cociña. Un dos puntos que máis desagrada a estes veciños de Catoira é a situación das bombonas que subministran de gas á cociña escolar e do valado, que constitúe segundo eles un serio risco para a saúde dos seus fillos.

    A gota que colmou o vaso foi un escape de gas que tivo lugar a semana pasada na cociña do centro escolar; que espertou o medo entre os pais. Estes proxenitores aseguran tamén que a cociña quedou mal construída con pozas no seu interior e con problemas nos desaugues. Denuncian ademais, que esta situación é insostible logo de dous anos da implantación dunha xornada especial no centro para procurar o avance das obras.

    Contestación Director

    O novo director deste centro escolar de Catoira, Antonio Vázquez entende a preocupación dos pais pero a súa postura é distinta. Coincide ca APA en que as obras xa deberán ter rematado pero factores estructurais da empresa constructora concesionaria, Novolar, provocaron a prolongación das mesmas. No referente á situación das instalacións das bombonas quitou ferro o asunto asegurando que só é unha solución provisional.

    No tocante ó escape de gas que tivo lugar a semana pasada, Vázquez desminte que supoña un perigo para os cativos, posto que se tratou dun tema puntual e que se atallou rápida e eficientemente. O director coincide ca APA en salientar o mal estado do patio, polo que xa lle notificou esta situación repetidas veces á delegación de educación e mesmo ó Concello, que se ofreceu a botar unha man, para evitar que o patio se converta nunha ampla lameira esvaradía cada vez que chove.

    Redacción Salnés.