
MEIS> Administracións e veciños continúan avaliando os danos que deixaron os temporais de finais da semana pasada. Esta mañá, o delegado da Xunta en Pontevedra visitou varias zonas do concello de Meis, un dos máis afectados polo vento e a chuvia de ‘Kurt’. José Manuel Cores Tourís comprometeuse a buscar o xeito para axudar aos máis afectados, e pediu a colaboración da Deputación de Pontevedra.
O concello de Meis foi un dos máis afectados de toda Galicia polo temporal que azoutou a comunidade a finais da semana pasada. Esta mañá, o delegado da Xunta en Pontevedra visitou as zonas máis castigadas.
Os técnicos municipais están a avaliar a situación e os danos para elaborar un informe que, despois, enviarán á Xunta de Galicia. Neste senso, Cores Tourís fixo un chamamento á colaboración de todas as institucións para atopar solucións reais.
O alcalde meisino acompañou ao delegado na súa visita ao concello. José Luis Pérez trasladoulle a urxencia desta axuda. E é que o temporal deixou a algúns veciños do municipio en situacións moi complicadas.
O que parece que será difícil é conseguir para Meis a consideración de “zona catastrófica”. Cores Tourís explicou que esta é unha condición que se reserva para situacións máis xeralizadas que a que se viviu nalgunhas zonas do concello.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/02febreiro/08/visita_touris_estragos_temporais_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/02febreiro/08/visita_touris_estragos_temporais.mp4{/flowplayer}









