Pasan a disposición xudicial os presuntos ladróns de Tito’s

    roupa_titos100.jpgVILAGARCÍA> Os presuntos ladróns da tenda Tito’s, maila mercancía roubada, foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 1 da Bañeza.

    roupa_titos300.jpgVILAGARCÍA> Propietario e empregada de Tito’s, non podían crer que foran vítimas dun roubo na tenda, pois os ladróns levaron case toda a roupa da tempada. Pero a súa incredulidade foi aínda mais, cando recibiron a chamada da policía comunicándolles que recuperaran o froito do roubo.

    A Comandancia da Garda Civil de León, levaba a cabo un control na autovía A-6. Cando fixeron a comprobación dunha furgoneta que viaxaba dirección Madrid, puideron determinar que se trataba dun vehículo roubado en Vilagarcía. Logo diso procederon a realizar un rexistro do interior da furgoneta, atopando numerosas bolsas, contendo mais de novecentas prendas de vestir, calzado e complementos, todas de primeiras marcas orixinais e con etiquetas.

    Os presuntos autores do roubo, dous rumanos veciños de Madrid, de trinta e catro e trinta e cinco anos, non puideron acreditar a procedencia da mercancía, polo que a Garda Civil leonesa xa tiña indicios suficientes para deter aos ocupantes da furgoneta, como presuntos autores dos delitos de roubo de uso de vehículo a motor e roubo con forza.

    A Garda Civil da Comandancia de León, continúa realizando xestións por si os detidos puideran estar implicados noutros ilícitos penais. Tralas dilixencias instruídas, os detidos e os efectos recuperados foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número un de La Bañeza.

    Redacción Salnés