VILAGARCÍA> A Xunta construirá dez vivendas públicas en Vilagarcía. O goberno galego e o concello asinaron hoxe o convenio para a cesión dunha parcela municipal para ese inmoble en Marxión. Estímase que o investimento total neste proxecto roldará os 1,9 millóns de euros. Hoxe mesmo publicouse a licitación para a redacción do proxecto deste edificio.
A conselleira de Vivenda e o alcalde de Vilagarcía asinaron hoxe o convenio para a cesión gratuíta dunha parcela municipal para a construción dun edificio de promoción pública. Estará en Marxión e contará cun total dez vivendas. A parcela ten unha superficie de 675 metros cadrados. Ademais, hoxe mesmo publicarase no perfil do contratante a licitación da redacción do proxecto e dirección de obra do inmoble.
A conselleira puxo este proxecto como exemplo de traballo entre administracións. Algo que tamén comparte o alcalde da cidade.
Ademais, a conselleira aproveitou tamén para lembrar que a Xunta está a analizar a redacción do proxecto de interese autonómico das Carolinas, onde se prevén 350 vivendas, o 80% protexidas.
Ao mesmo tempo, o alcalde comprometeuse a seguir analizando outras posibles parcelas de titularidade municipal con vistas a novos proxectos de promoción pública.