A tala de árbores e as canteiras ameazan os petroglifos de Monte Xiabre

    montexiabre_100jpg.jpgVILAGARCÍA > As canteiras e a tala de árbores están a ameazar a continuidade do xacemento dos petroglifos descubertos no Monte Xiabre, …

    … nos concellos de Vilagarcía e Caldas. As 27 laxes arqueolóxicas carecen dunha sinalización axeitada, e os tractores e palas que traballan na zona pasan a escasos centímetros das pedras, algunhas das cales xa quedaron danadas.

    No monte Xiabre hai agora en funcionamento unha canteira, pero polo menos outras dúas atópanse na fase previa de prospección. Esta actividade unida á forestal está a supoñer unha seria ameaza para o campo de petroglifos alí descubertos. Dende a asociación cultural a Barosa, Xesús Rodríguez , asegura que a descoordinación existente entre as consellerías de Cultura, Medio Rural e Industria, impide que se poña en marcha un protocolo de actuación axeitado que garanta a protección das laxes. De feito, arestora, a protección dos gravados milenarios é practicamente nula.

    petrogligoconrede_200jpg.jpgSó unhas cintas e unha rede marcan as pedras onde están as inscricións. No pasado mes de novembro comezaron os traballos de tala de árbores autorizados polo Distrito Forestal de Caldas-Salnés, quen asegurou descoñecía a existencia do campo de petroglifos, a pesares de que xa foran catalogados no 2006. Foi grazas á labor da Asociación Cultural Barosa, que traballa a prol da divulgación e defensa do patrimonio arqueolóxico, polo que nas últimas semanas, se incrementou a vixilancia no campo arqueolóxico.

    petroglifo_100jpg.jpgCon todo, dende que comezaran os traballos no monte, a presenza de rodeiras e de retallos vexetais acumulados a carón dos petroglifos, é unha constante. Ademais, nos últimos días, tamén apareceron anacos de pedra desprendidos dalgunhas das laxes, polo paso da maquinaria pesada ó seu carón. A defensa dun dos elementos máis significativos do noso patrimonio é o que leva á asociación a seguir preocupándose pola situación do xacemento. E é que no monte de Xiabre, se atopa un dos tres petroglifos máis importantes de Galicia.

    Redacción Salnés