O fiscal pide 14 anos de cadea para o acusado de queimar a un adegueiro de Vilanova

    PONTEVEDRA> Esta mañá arrancou en Pontevedra o xuízo contra o acusado de roubo con violencia e lesións con deformidade a un adegueiro de Vilanova, durante o asalto á súa vivenda en decembro de 2012. O suposto agresor, para o que a fiscalía pide 14 anos de cadea, negou ter participado nos feitos. A vítima é Luciano Núñez, máis coñecido como Chano, que cumpriu pena de prisión nos anos 90 pola súa vinculación co clan de narcotraficantes dos Charlín.

     

    Un chisqueiro atopado na vivenda do adegueiro foi clave para sentar na bancada dos acusados a Javier Evaristo Pose, un veciño de Vilagarcía cun amplo historia de delitos. Os restos do ADN atopados incrimínano aínda que el negou os feitos e declarou non coñecer  a Luciano Núñez.

    A defensa de Pose pediu a nulidade desta proba de cargo. O chisqueiro tampouco foi recoñecido por Núñez durante a súa declaración. O adegueiro tivo que interromper en varias ocasións o relato dos feitos.

    Os sucesos producíronse a noite do 4 de decembro de 2012. Segundo o seu relato, tres persoas entraron no seu cuarto ocultando as caras, e o ataron de pés e mans para despois golpealo. Remataron prendéndolle lume nos testículos con algún líquido, para o que supostamente empregarían o chisqueiro, que a Garda Civil atopou debaixo da cama da vítima.

    Dende o ataque, a vítima asegurou que arrastra varias secuelas físicas e psíquicas, como fortes depresións. Luciano Núñez negou coñecer ao acusado.

    En varias ocasións a avogada da defensa recordou o pasado do adegueiro. Na década dos 90, Núñez chegou a cumprir pena de prisión polos seus vínculos co clan dos Charlines.

    Así as cousas, o adegueiro negou calquera relación actual co narcotráfico.

    A Fiscalía pide que o acusado sexa condenado a catorce anos de prisión. A falta de varias testemuñas obrigou a suspender o xuízo, á espera de que comparezan todos os citados a declarar.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/07/xuizo_adegueiro_vilanova.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/07/xuizo_adegueiro_vilanova.mp4{/flowplayer}