Pablo Martelo presenta oficialmente a súa renuncia como presidente da FEB

    asembleafeb_100_040208.jpgBARBANZA > Os empresarios celebraron a súa última asemblea antes da celebración dos comicios para elixir á súa nova directiva.

    Os socios da Federación de Empresarios do Barbanza aprobaron de xeito unánime as contas da entidade correspondentes ó 2007, no transcurso dunha asemblea celebrada a noite do venres en Outes, que contou coa represnetación dos colectivos de Boiro, Rianxo, Pobra, Outes, Muros, Noia e o Centro Empresarial da Construción. A pesar das críticas realizadas dende algúns sectores á xestión do aínda presidente da patronal comarcal, o exercicio de 2007 pechou con superávit, o que pon de manifesto a boa saúde económica da entidade.

    Renuncia oficial

    A asemblea celebrada o pasado venres foi a última presidida pola actual directiva posto que, no transcurso da xuntanza, Pablo Martelo presentou a súa renuncia oficial e estableceuse o próximo venres día oito de febreiro como data para a celebración das eleccións. O prazo para a presentación das candidaturas rematará corenta e oito horas antes. Pablo Martelo, que xa manifestara en reiteradas ocasións que non volvería postularse para ocupar a presidencia da FEB, pecha así unha etapa de tres anos á fronte da patronal comarcal marcada polas desavenencias cos dirixentes dalgunhas asociacións integradas na federación.

    Balance positivo

    Aínda así, o balance da súa andaina é, en liñas xerais, moi positivo e supuxo para o aínda presidente unha etapa de aprendizaxe continuada. Pero coma sempre que se pecha un ciclo, vaise coa sensación de non ter levado a cabo tódolos proxectos que levaba entre mans cando accedeu á presidencia e que por diversas circunstancias non puideron materializarse. En clara alusión, ás críticas e cruces de acusacións xurdidos durante algúns momentos do seu mandato, Martelo insiste en que tódolos socios deben ter claro que a FEB é un referente dentro do entramado empresarial galego polo que a súa función debe limitarse estrictamente a defende-los intereses dos empresarios.

    {flowplayer}barbanza/asembleafeb.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza