VILANOVA> Veciños de Cambados, Ribadumia e Vilagarcía achéganse a Vilanova para coller o bus gratuíto ó Hospital do Salnés. O alcalde vilanovés propón que os concellos da contorna adecúen a súas liñas para adaptalas ás da súa vila. Só Vilanova e Vilagarcía poden instalar unha parada preto do hospital.
Dende o ano 2009 ó concello de Vilanova ten a disposición de todos os veciños un transporte gratuíto ó hospital do Salnés. Ó principio era unha furgoneta, pero ante o éxito do servizo ampliouse a un autobús. Nos últimos meses veciños de Ribadumia, Cambados e Vilagarcía estanse a achegar a Vilanova para utilizar esta liña.
Durán propón que cada concello dispoña dun bus ou furgoneta que faga un percorrido polas súas parroquias cunha parada no límite con Vilanova e que coincida co seu transporte gratuíto. Deste xeito e con axuda da mancomunidade ampliaría a capacidade do bus para dar cabida ós veciños dos concellos da contorna.
Segundo o presidente da Mancomunidade do Salnés, os veciños están a arranxar un problema que as administracións non son capaces de solucionar.
Polo de agora só é unha idea. Haberá que esperar ata despois das eleccións para coñecer se os concellos a levan a cabo.