SALNÉS > O Hermanos Barbeito caeu de novo derrotado na súa casa ante o Lobelle B de Santiago mentres que o Grupo Junquera fuxe dos postos de descenso despois de golear sen problemas ó Coinasa Ourense.
Nova derrota para o Hermanos Barbeito. Os de Rodri alónxanse un pouquiño máis da salvación da que están agora a cinco puntos. Comezaron mal as cousas con dous goles do Lobelle nos dous primeiros minutos.
Os locais levaron un control do encontro pero non acadaron ningún tanto ata a segunda metade, cando decidiron presionar a toda cancha ó filial santiagués. A fórmula deu resultado e por mediación de Lito, Salgueiro e Luís déronllela volta ó marcador.
Pero os dobre penaltis decidiron; os locais cargáronse moi pronto de faltas e iso aproveitouno o Lobelle para empatar e poñerse de novo en vantaxe ata firmar o 4-6 final.
O vindeiro encontro do Hermanos Barbeito será ante un rival directo pola loita por evita-lo descenso, o Carballiño.
Pola súa banda o Grupo Junquera non tivo problemas para superar ó penúltimo clasificado, o Coinasa Ourense, ó que se impuxo por 8-4. Estreábase coma novo técnico Santi Iglesias, e xa se sabe, a adestrador novo, victoria segura. O seu predecesor, Esteban Paz, incorporouse ó plantel e axudou ó equipo a acadar un triunfo que se lles resistía dende hai máis dun mes.
De novo o control de balón e o peso do partido levárono os vilagarciáns que pronto se puxeron en vantaxe para chegar co partido prácticamente sentenciado ó descanso. 4-0.
Despois, na segunda metade baixaron o ritmo, sobre todo en defensa e nos últimos minutos, que déulle-la oprtunidade ós afeccionados de desfrutar dun auténtico festival de goles.
Ó final 8-4, e tres puntos importantísimos para o Junquera que lles axudan a fuxir un poquiño dos postos de descenso.
Redacción Salnés