Vilagarcía celebra o día grande do Carnaval

    disfracesvilagarcia_100jpg.jpgVILAGARCÍA > No día grande do Entroido, os desfiles de disfraces chegaron esta tarde a moitos concellos galegos. Un dos pasarrúas máis importantes …

    … da comarca da Arousa no martes de carnaval foi o de Vilagarcía. Aquí estiveron decenas de grupos, parellas e disfraces individuais, que encheron de diversión á vila, e ós centos de asistentes que se agolparon nas rúas para ver os desfile.

    A fonte de inspiración dalgúns dos disfraces deste ano foi moi variada. A actualidade social impúxose en moitos dos participantes, nos que non faltou a orixinalidade. Os sanfermíns, ou o reality galego A Casa de 1906, foron algunhas das temáticas recorridas. Para todas elas fixo falta moito tempo de preparación, e tamén botar man da imaxinación. E aínda que hai quen pensa que isto de disfrazarse é cousa de mozos, en tódolos grupos había xente de distintas idades.

    Os nervios tampouco faltaron nun día coma o de hoxe, e é que todos desexan recibir un premio que compense o seu esforzo, no concurso que se celebrou pola noite, despois do desfile. E mentres os grupos, carrozas e o resto dos disfraces percorrían as principais rúas de Vilagarcía, nas beirarrúas a xente contemplaba o desfile. O seu veredicto sobre os concursantes deste ano, foi bastante positivo.

    O punto final do pasarrúas puxo o concurso de disfraces que se celebrou pola noite entre tódolos participantes. Divididos en categorías de grupos, parellas ou individuais, tanto para os maiores coma os premios infantís, un xurado nomeado pola concellería de cultura elixiu ós gañadores. Valoraron ademais da calidade dos disfraces, a animación, espectacularidade, orixinalidade e animación musical que aportaron.

    Redacción Salnés