O fútbol das mellores canteiras traerá ata Ribadumia máis de 5.000 persoas no mes de xuño

RIBADUMIA> 87 equipos participarán na cuarta edición da Copa Ribadumia- Clae Viajes de fútbol nas categorías infantil e xuvenil. Será no mes de xuño, nas fins de semana do 14 ao 16 e do 21 ao 23, co campo da Senra como escenario. O torneo volverá atraer a conxuntos chegados de toda España e Portugal. Unha cita que promete ser, un ano máis, un importante pulo ao turismo na zona.

Unha importante representación da canteira do fútbol español e internacional darase cita no mes de xuño en Ribadumia. O concello prepárase para acoller no campo da Senra a cuarta edición da Copa Ribadumia- Clae Viajes.

O torneo celebrarase nas fins de semana do 14 ao 16, para a categoría infantil, e do 21 ao 23 para a benxamín. Participarán 35 e 52 equipos respectivamente, unha cifra récord, chegados de diferentes puntos da xeografía.

O anfitrión Club Deportivo Ribadumia, Celta, Deportivo, Pabellón de Ourense, Ural ou Conxo-Santiago encargaranse de representar ao fútbol galego na cita. Xa de fóra de Galicia chegarán conxuntos como o Damm Club de Fútbol de Barcelona, a academia creada por David Villa en Madrid, o TSK Roces ou o Athletic Club Eskola. A representación internacional correrá a cargo de equipos como o Porto ou o Braga, de Portugal, o Fursan Hispania de Michel Salgado, de Emiratos Árabes ou o Shellbourne, de Irlanda.

Para os organizadores, o torneo supón unha oportunidade para achegarse e gozar do deporte base de maior calidade. Tamén apuntan o importante pulo que a cita suporá para o turismo na contorna, atraendo a preto de 5.000 persoas.

Nesta cuarta edición, a Copa Ribadumia-Clae Viajes estará apadriñada polos populares Mozos de Arousa.