O Extrugasa vaise da Eurocup coa cabeza ben alta

baloncesto250_070208_001.jpgSALNÉS > O Extrugasa non foi quen de defende-los seis puntos de vantaxe que levaba do partido de ida e foi eliminado da Eurocup a mans do Electra Ramat, despois de perder por 64-54. Antes de voltar a casa, as vilagarciáns viaxarán mañá a Ibiza onde o sábado xogan contra o Promociones Santa Eulalia en partido de liga.

Rematou o soño europeo do Extrugasa, non puido ser aínda que se tentou por tódolos medios.

Unha pena porque as vilagarciáns comezaron o encontro arrasando e no primeiro cuarto xa dispuñan dunha vantaxe de catorce puntos, 10-24, o que supuña un global na eliminatoria de vinte. E cando o tiñan na man deixárono escapar, unha veces por desacerto propio e outras polo bo facer das locais, tanto en defensa coma en ataque.

Encaixaron un parcial de 16-0 nos primeiros compases do segundo cuarto que volteou o encontro e deixou o marcador prácticamente en taboas e con todo por decidir na segunda metade.

Alí foi cando se lles escapou o partido, aguantaron o primeiro chaparrón pero non puideron co segundo; as locais, espoeleadas polo seu público, cobraron vantaxes superiores ós dez puntos ó final do terceiro cuarto.

E así ata o remate. 64-54, dez puntos que fixeron inútiles os seis acadados o pasado xoves en Fontecarmoa.

Sempre quedará no recordo o bo torneo que o Extrugasa fixo e estes dez primeiros partidos disputados en competicións europeas, en Eurocup, servirán de experiencia para vindeiras ocasións. Ogallá que a seguinte sexa xa o ano que ven.

Redacción Salnés