Arousa Norte aposta polas actividades deportivas de natureza

BARBANZA> A través da ‘Walk & Trail Arousa Norte 2014’, a mancomunidade pretende aproveitar o gran tirón destas disciplinas deportivas para atraer turistas. Dende Arousa Norte pretenden que esta cita, unha das poucas que se organizan no ámbito autonómico, se vaia consolidando, aproveitando os recursos existentes na zona, co que se pretende tamén dar resposta á crecente demanda deste tipo de actividades de sendeirismo e carreira de montaña. Dentro do proxecto Walk & Trail Arousa Norte 2014 desenvolveranse catro rutas de sendeirismo guiadas de distintos percorridos e lonxitudes e un ultratrail, unha modalidade dentro das carreiras de montaña a pé que consiste en percorrer distancias de máis de 50 km. A primeira das rutas terá lugar xa este próximo sábado en Rianxo, á que lle seguirán o día 1 de maio en Boiro, pola mañá, e na Pobra, pola tarde, e o día 18 en Ribeira. En canto á modalidade de trail desenvolverase o día 12 de abril, e constará de dúas carreiras, un ultratrail de 85 quilómetros con más de 3.500 metros de desnivel e que será ademais puntuable para o Ultra Trail do Mont Blanc e outra trail, de 35 km., así como tamén unha especial para poboación infantil. As persoas interesadas en participar nas probas poderán acceder a diferentes paquetes con aloxamento que irán acompañados de outras actividades complementarias para acompañantes e prezos especiais para familias, co obxectivo de que o evento o poidan disfrutar tanto os corredores como as persoas que veñen con eles, atraendo así a un maior número de visitantes.