150 participantes daranse cita na II Carreira de Orientación Concello de Rianxo

RIANXO> Este vindeiro sábado terá lugar a segunda edición da carreira de orientación Concello de Rianxo. A actividade, organizada por Xesta natureza en colaboración co Concello, está aberta a tódalas categorías, dende pequenos a maiores. Prevese unha participación próxima ás 150 persoas.

A actividade presentada esta mañá terá lugar o vindeiro sábado a partir das dez e media. Trátase dunha carreira de orientación, consistente en realizar no menor tempo posible un percorrido sinalizado con balizas na orde indicada nun mapa.

Haberá dúas modalidades, tanto de grupos coma individual, con tres categorías diferentes, atendendo a idade de cada participante

Dende o Concello, que colabora na organización desta proba cun marcado carácter lúdico e non competitivo, valoraron moi positivamente a posibilidade de volver a poder acoller esta actividade da man de Xesta Natureza, entidade organizadora.

As inscricións, totalmente de balde, xa están pechadas, prevéndose unha participación próxima ás 150 persoas.