Ribadumia xa conta con dúas prazas fixas de taxi

    taxiribadumia100_150208.jpgRIBADUMIA > O Concello de Ribadumia informou que dispón xa desde esta mañá de dúas paradas de taxi fixas, …

    … unha situada no centro de Barrantes, na avenida Bouza Martín, e outra diante do Centro Médico de Ribadumia, xa que son os dous lugares de municipio con maior fluxo de persoas e, polo tanto, coa maior demanda deste servizo.

    O Concello de Ribadumia sacou a concurso estas prazas en setembro, no que se presentaron tres solicitudes para as dúas licencias dispoñibles. Os beneficiados das dúas prazas deben cumprir unha serie de requisitos, incluídos nas bases da convocatoria: nacionalidade española ou dalgún estado membro da Unión Europea; posuír o permiso da clase BTP expedido pola Xefatura de Tráfico; non ter antecedentes penais; achegar un vehículo para ofrecer o servizo ou ter cuberta a responsabilidade civil polos danos que se causen con ocasión do transporte. Pola súa parte, os operarios municipais encargáronse de acondicionar as dúas prazas de estacionamento das paradas, con sinalización na calzada, co obxectivo de que os usuarios dos taxis recoñezan o lugar no que van estar situados.

    Segundo o Equipo de Goberno, este servizo era algo necesario e urxente, xa que son moitas as persoas doutras parroquias que se achegan ata Barrantes ou Ribadumia para facer as súas xestións e non dispoñen de coche propio. Neste momento están ocupadas as catro licencias de taxi existentes para o municipio: dúas son as que a partir de agora vanse poder identificar nun sitio concreto mentres que as outras licencias non teñen un lugar fixo.

    Redacción Salnés