O BNG apunta cara a alcaldía cun proxecto integral para Cambados

CAMBADOS> O BNG de Cambados vai a por todas nas eleccións do 26 de maio. A formación presentou hoxe os primeiros postos da lista encabezada por Víctor Caamaño, e deu algunha pincelada do que será o seu proxecto electoral. Segundo confesaron esta tarde, os nacionalistas aspiran a liderar o vindeiro goberno alternativo ao Partido Popular.

O BNG de Cambados aspira a liderar o próximo goberno da vila. A formación concorrerá ás vindeiras eleccións municipais agardando mellorar os tres concelleiros que teñen na actualidade.

Esta tarde presentaron os nomes que irán nos postos de saída da candidatura. Víctor Caamaño estará acompañado por Mariel Oubiña e Liso González, dúas persoas coñecidas na vila e vencelladas ao mundo do deporte e da cultura, respectivamente. Ester Xesteira, traballadora do sector da alimentación e representante da CIG e Isidoro Bugallo, mariscador, ocupan os postos catro e cinco.

Caamaño reivindicou o proxecto do BNG de Cambados; unha aposta por un modelo que vén de moitos anos atrás. Tamén o seu labor no goberno actual.

O candidato nacionalista asegurou que as propostas do BNG son realizables e proxectos que van máis aló de promesas electorais. Entre elas, destacou a creación dun espazo deportivo aberto no Pombal, buscar unha acción de voluntariado en Cambados, actuacións de saneamento ou a construción dunha planta de compostaxe no concello.