A avoa de Galicia celebrou o seu 110 aniversario rodeada da súa familia

    avoagalicia_100_220208.jpgRIANXO > Os representantes do executivo local acudiron a felicitar a Pilar Fernández, a avoa de Galicia no seu 110 cumpreanos.

    {flowplayer}barbanza/avoagalicia.flv{/flowplayer}

    Hoxe foi un día de moita trasfega para Pilar Fernández. Durante toda a xornada foron moitas as visitas que se achegaron ata a súa vivenda de Ourolo en Taragoña para felicitala polo seu cumpreanos.

    Dez tataranetos

    Non en van é a muller con máis idade de Galicia, xa que conta con nada menos que 110 anos. Tal día coma hoxe, un vinte e dous de febreiro de 1898 nacía no lugar de O Moroso en Taragoña. Na actualidade, vive ca súa filla Angustias, que xa é octoxenaria e ca súa neta María. Pero a súa descendencia abarca máis aló e completase con dous fillos, tres netos, sete bisnetos e dez tataranetos. Malia que conta cunha saúde de ferro, Pilar leva xa varios anos encamada.

    A pesares disto, segue tendo moi bo apetito e non se salta ningunha das comidas diarias. Tampouco tivo moitos achaques ao longo da súa vida.

    O concello de Rianxo felicítaa todos os anos, dende que cumpriu o século de vida. Desta volta, o alcalde, Pedro Piñeiro mostrouse sorprendido porque xa pasara unha década dende a primeira vez que a homenaxearon e lembrou que en varias ocasións, durante estas visitas, Pilar xa lle augurara que chegaría ata os 110 anos. A vida desta supercentenaria, tal e como relatou a súa neta non foi sinxela: Dende moi nova tivo que criar unha filla soa, xa que o seu home nunca máis voltou de facer as Américas.

    O segredo da súa lonxevidade non é doado de adiviñar pero algo terá que ver a súa actitude ante a vida. A súa neta definiuna como unha muller tranquila e moi agarimosa, cun carácter alegre e cantareiro que gustaba de agasallar a súa veciñas con pequenas coplas e cánticos que ela mesma compañía.

    Redacción Barbanza