RIBEIRA> O alcalde, Luís Pérez Barral, achegouse esta mañá ata o parque periurbano de San Roque para comprobar o resultado das obras levadas a cabo neste espazo nos últimos meses que supuxeron a mellora da iluminación.
Segundo el, a actuación que contou un investimento de máis de 140 mil euros, atende tamén a unha demanda da propia veciñanza que viña solicitando esta mellora para o seu uso nos meses de inverno.
Con esta actuación o executivo ribeirense continúa coa súa liña de mellora da eficiencia enerxética, o ano pasado investíronse máis de 240 mil euros na instalación de paneis solares en edificios públicos, que terá continuidade nos próximos meses.
O rexedor local sinalou ademais que esta actuación non é a única levada a cabo en San Roque, acometéndose tamén outros traballos de mantemento co fin de ter o espazo nas mellores condicións posibles ó longo de todo o ano.











