BOIRO> Marcha atrás do executivo boirense. Non se permitirá o acceso de mascotas á praia do Piñeirón, tal como estaba previsto, nin tampouco a outra praia do municipio durante a época estival. O goberno decidiu agardar á valoración das alegacións presentadas para tomar unha decisión definitiva.
Finalmente o executivo boirense non vai facer unha aprobación definitiva da designación do areal de Piñeirón como praia para mascotas mentres non se coñezan e se valoren polo miudo as alegacións presentadas pola veciñanza.
Decidiu tomar esta decisión ó coñecer do malestar dos usuarios desta praia polo proxecto de convertela nun espazo de acceso a mascotas durante a época estival.
Despois da súa aprobación inicial no pleno da corporación, hai dúas semanas, esta modificación do regulamento atópase agora nun proceso de exposición pública para a presentación de alegacións por parte da veciñanza.
O borrador do texto pode consultarse na páxina web municipal e as reclamacións poderán presentarse a través do Rexistro Xeral ou da sede electrónica ata o vindeiro 15 de setembro.