PONTEVEDRA > O Presidente da Deputación, Rafael Louzán e o ciclista Óscar Pereiro, asinaron onte un convenio de colaboración a través do cal a administración provincial e Turismo Rías Baixas patrocinarán a páxina web oficial e a Escola de Ciclismo de Óscar Pereiro. O obxectivo desta escola é achegar o deporte da bicicleta á máis de 10.000 rapaces na provincia.
A Escola de Ciclismo Óscar Pereiro xa está en marcha, agora co patrocinio da Deputación e do organismo autónomo Turismo Rías Baixas.
Esta é sen dúbida unha iniciativa pioneira en Galicia, totalmente gratuíta para nenos de primaria das escolas da provincia de Pontevedra. A día de hoxe esta escola traballou xa con 3.000 rapaces pero espera chegar ós 10.000 de cara ó mes de decembro.
A propia escola é a encargada de facilitar o material necesario como son as bicicletas, os cascos, e o monitor que se encargará da seguridade dos nenos. Tamén se distribuirán uns maillots deseñados polo propio Óscar Pereiro. Ambas partes, tanto Rafael Louzán coma o propio ciclista amosáronse moi satisfeitos por este acordo acadado que permitirá achegar ós nenos o deporte da bicicleta. Unha mostra máis de que o deporte de elite non está reñido co compromiso social.
Tamén asinaron un convenio de patrocinio para a páxina web oficial de Óscar Pereiro. O site leva funcionando preto dun ano e xa recibíu máis de 300.000 visitas, unhas 1.200 diarias, realizadas dende 62 países diferentes.
Redacción Salnés