A BTTinto incorpora un Trail de Montaña e prepárase para superar os 2.600 participantes

RIBADUMIA> Desde hoxe está aberta a inscrición para participar na cuarta edición da BTTinto. Os organizadores da proba prepáranse para xestionar un aluvión de solicitudes e superar os 2.600 participantes do ano pasado. Novidades nos circuítos e a introdución dun Trail de Montaña, principais atractivos desta BTTinto. Padriño de luxo para presentar unha nova edición da BTTinto. O ex ciclista profesional Fernando Escartín achegouse a Ribadumia para arroupar a cuarta BTT que se celebrará coincidindo coa Festa do Tinto do Salnés. Será o sete de xuño, e desde a organización xa se preparan para recibir un aluvión de solicitudes. Desde o seu nacemento, a proba non fixo máis que aumentar o número de participantes cada edición. O ano pasado foron 2.600. Escartín podería estar nesta ocasión entre eles. Os motivos polos que atrae tanto? Escartín e o director da Volta Ciclista a España téñeno claro: a boa organización e o atractivo dos lugares polos que atravesa. Como en anos anteriores a BTTinto contará coa proba clásica, a ruta de Mountain Bike de 49 quilómetros e unha alternativa de 33 con menor esixencia física. Haberá tamén unha ruta de sendeirismo de 20 quilómetros e unha proba combinada para os máis avezados: 35 quilómetros en bici e 20 de carreira a pé. A novidade deste ano vén coa introdución dunha cuarta proba: o Trail de Montaña. Unha modalidade con cada vez máis seguidores que contará cun percorrido de 20 quilómetros de gran dureza. O prazo para anotarse remata o mércores tres de xuño ás doce da noite. A inscrición é gratuíta. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/20/BTTTINTO2.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/20/PTAC_BTTINTO.mp4{/flowplayer}