Multitudinaria manifestación en contra do derrube do taller de cantería Ramos

    manifestacionramos_100_030308.jpgRIANXO > Máis de tres mil persoas participaron na manifestación convocada en contra da sentenza que obriga ó derrube do taller de pedra Ramos.

    {flowplayer}barbanza/manifestacionramos.flv{/flowplayer}

    Antes das once e media da mañá, hora prevista para o inicio da manifestación, a xente arremuiñábase na zona da Atalaia, xunto ás escolas vellas de Asados. Chegadas de diferentes puntos do concello, da comarca e mesmo de fóra dela, miles de persoas quixeron participar na mobilización en solidariedade cos 16 empregados do taller de canteiras Ramos sobre o que pesa unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ordea a paralización da actividade e o derrube das instalacións ó estar asentada en solo rústico.

    As peculiaridades deste caso, xa que o empresario dispón dende o ano 2000 da correspondente licenza municipal, e a magnitude que os distintos medios de comunicación e a xente en xeral, lle deron á nova, provocaron en certa maneira este apoio maioritario.

    Inxustiza

    En diferentes rodas, a xente falaba da inxustiza que se está a cometer con esta empresa, aludindo á necesidade de facer todo o posible para evita-lo peche da actividade e a conseguinte perda de postos de traballo.

    Pasadas as once e media douse inicio á marcha. Á cabeza da manifestación, o propio empresario Xosé Ramos, xunto cos seus traballadores, que portaban unha gran pancarta na que podía lerse “Non ó peche do taller de pedra Ramos”.

    Detrás deles o resto da xente, que o longo do percorrido de aproximadamente uns catro quilómetros de lonxitude pola estrada provincial ata a praza Castelao, non deixou de berrar consignas: “Rianxo, unido xamais será vencido”, “Ramos amigo, Rianxo está contigo”. A entrada na praza foi tamén emotiva, xa que á xente que participou na mobilización, uníuselle outra que agardaba no concello.

    Retrasa-lo derrubo

    Unha vez alí o responsable comarcal de CC.OO, Xosé Lamela, dende o balcón da casa consistorial dou lectura a un manifesto no que solicitaba ó Tribunal que demorase a orde de derrubo sobre a empresa e no que apelaba á implicación das diferentes Administracións para tratar de buscarlle unha solución satisfactoria ó problema.

    Pouco a pouco a xente foise dispersando coa sensación de ter feito algo positivo, xa que ninguén recordaba algo semellante. Agora será a Xustiza, ou en todo caso as Administracións as que teñan a última decisión. O que si queda claro despois de todo isto e que o pobo de Rianxo é solidario cos seus. E que non quedará cos brazos cruzados ante o que ó seu parecer, e ó de todos, é unha inxustiza.

    Redacción Barbanza