Cinco alumnos do Divino Maestro realizarán prácticas no estranxeiro no marco do ‘Erasmus+’

A POBRA> Cinco estudantes do Centro de Formación Profesional Divino Maestro da Pobra participarán no programa Erasmus Plus ó que ven de sumarse o centro o pasado ano. Realizarán prácticas no estranxeiro para mellorar non só o seu expediente curricular senón tamén como experiencia persoal de inmersión noutras culturas.

A mellora das competencias profesionais é o principal obxectivo do Erasmus + polo que os alumnos de FP realizan practicas noutros países. Pero en realidade este programa é moito máis, é a porta aberta a unha experiencia vital única na que ademais do enriquecemento académico e curricular, os alumnos empápanse de novas culturas e adquiren autonomía nas que adoitan ser as súas primeiras estadías prolongadas lonxe do seu entorno.

Tres estudantes do ciclo medio en Xestión Administratica viaxarán ata a localidade francesa de Sens, na Borgoña, mentres que dúas alumnas do ciclo básico de Servizos Administrativos farán o propio en Funchal, a capital da illa portuguesa de Madeira. Todos agardan desfrutar desta estadía e voltar con maleta cargada de experiencia e coñecemento.

As prácticas darán comezo pasada a semana santa e durarán ata o mes de maio no caso de FP básica e ata xuño no ciclo medio. Viaxarán nos primeiros días acompañados de profesorado para facilitar a instalación do alumnado posto que son menores de idade.