Afectados pola PO-504 maniféstase en contra da reforma da Xunta

    concentracionvichona100_070308.jpgSANXENXO > Unhas oitenta persoas cortaron hoxe o tráfico na PO-504, a estrada que une Sanxenxo con Vilalonga, á altura do cruce da Vichona

    … Precisamente neste lugar, os veciños reclaman unha rotonda, dentro do proxecto de reforma previsto para esta vía.

    Despois de varias reunións con Concello e Política Territorial, os afectados non están de acordo co tratamento que lle quere dar a Xunta á mellora da seguridade viaria desta estrada. Concello e veciños apostan por transformala nunha travesía urbana, con beirarrúas unificadas, e pasos de peóns, ademais de poñer as vías interiores cun só sentido de circulación.

    Este non será o único acto de protesta. Os veciños afirman que queren seguir dialogando pero ven que a administración non os entende. Para eles o proxecto de Política Territorial non mellorará a seguridade da estrada. Varios axentes da Garda Civil e da Policía Local de Sanxenxo controlaron o tráfico mentres durou a concentración.

    Ó non contar con autorización para cortar o tráfico optaron por usar repetidamente os dous pasos de peóns existentes neste cruce da Vichona. Desde o Concello tamén acudiron varios edís do equipo de goberno. Nun comunicado, a alcaldesa solicitou o cese da delegada de Política Territorial e critícaa por romper as relacións cos afectados.

    Redacción Salnés