Dous minutos fatídicos condenan ó Hermanos Barbeito

futbolsala250_110308.jpgSALNÉS > En fútbol sala, os equipos do Salnés non puideron continuar coa súa traxectoria ascendente e ambos caeron derrotados na última xornada disputada. O Hermanos Barbeito complícase a permanencia mentres que o Grupo Junquera non puido sumar a súa sexta semana consecutiva sen perder.

O Hermanos Barbeito non puido da-la sorpresa e caeu derrotado en Lugo contra o Azkar B por 6-1. Un resultado que non reflicte a igualdade que houbo no xogo, canda menos na primeira metade, na que o equipo de Rodri xogoulle de ti a ti a un dos mellores equipos da categoría.

Adiantáronse no marcador os portonoveses ós 8′ grazas a un disparo lonxano de Beto. A ledicia duraríalles seis minutos, tempo que tardarían os lucenses en empatar nunha xogada similar ó tanto do Barbeito.

Con igualdade chegouse ó descanso, pero tralo paso polos vestiarios, unha baixada de atención e intensidade condenou ós de Rodri, que en dous minutos encaixaron tres goles. Con catorce minutos por xogar decidiron utiliza-lo porteiro-xogador, pero a tentativa non surtíu efecto. Ó final 6-1 e o Barbeito quédase agora a seis puntos da salvación con oito partidos aínda por disputar.

Unha división por debaixo tamén perdeu o Grupo Junquera co Concello de Trabada, por 3-4. Unha derrota que non entraba dentro do previsto e que foi ata certo punto inmerecida. Ata certo punto porque foron mellores os de Santi Iglesias, que levaron o peso do encontro e tiveron as ocasións suficientes como para te-lo gañado, pero foron inocentes nas dúas áreas, perdoando goles na rival e regalándollos na propia.

Co marcador igualadado chegouse ós últimos minutos pero o visitante Otero, a un para o remate, puxo o 3-4 e os puntos viaxaron cara Trabada. Rómpese así a imbatibilidade de Santi Iglesias coma técnico do Junquera e o equipo queda agora oitavo na xeral con oito puntos de marxe sobre os postos de descenso.

Redacción Salnés