Os afectados da PO-504 volven a marchar sen respostas de Pontevedra

    afectados_po_504_100.jpgPONTEVEDRA > Por segunda vez os veciños afectados pola modificación da estrada PO-504, ó seu paso pola Vichona, Sanxenxo, volveron a concentrarse ante a delegación

    …da Consellería de Política Territorial en Pontevedra. Xa estiveron alí onte pero non puideron falar coa delegada, María Isabel Domínguez, porque esta se atopaba nunha xuntanza en Santiago. Esta mañá a resposta foi a mesma, polo que a indignación entre os veciños, que só piden que os reciban, era moi alta.

    A súa perseverancia non lles impediu que hoxe tiveran que marcharse, por segunda vez, para a casa sen a confirmación dunha cita coa delegada da Consellería de Política Territorial. Unha xuntanza na que pretenden trasladarlle as súas reinvindicacións sobre o proxecto que a Xunta ten planeado para a estrada autonómica, que une Vilalonga con Sanxenxo.

    O proxecto inicial da Consellería, e que ós veciños rexeitaran xa hai doce meses, introduciu variacións que lles seguen parecendo insuficientes. Por parte da delegación de Política Territorial, aseguraron xa onte que están dispostos a dialogar cos afectados, pero que non permitirán que se faga política cun asunto tan importante para a seguridade das persoas.

    O corte do acceso das estradas que conducen ata a sede do departamento autonómico tamén lle afectou a un establecemento do lugar, a clínica de rehabilitación Torrado, que se solidarizou cos veciños lodo de non teren os seus clientes aceso ata as súas instalacións.

    A de hoxe foi unha mañá moi intensa de protestas ás portas da delegación de Política Territorial. Á concentración dos veciños de Vilalonga uníuselle a dos traballadores de Extraco, a empresa contratada pola Xunta para o mantemento das estradas na zona sur de Pontevedra, que levan case un mes en folga.

    Redacción Salnés