Os amantes do ciclismo teñen unha cita en Boiro este domingo

BOIRO> Boiro celebrará este domingo a gran festa da bici. O obxectivo desta xornada é fomentar a práctica do deporte así como o uso de medios de transporte alternativos e non contaminantes.

Unha xornada de convivencia pero tamén para reivindicar un modelo de cidade máis respectuoso co medio ambiente. Este é o obxectivo do día da Bici que se celebrará este domingo en Boiro. A partir das once da mañá, os participantes tomarán a saída dende a praza de Galicia para percorrer un itinerario de 14 quilómetros que garantirá a máxima seguridade grazas a numerosos colaboradores.

Este evento supón un paso máis na aposta que está a realizar o concello de Boiro por promover este transporte coa ampliación do carril bici por todo o municipio ou a adhesión á rede de cidades amigas da bici.

Polo momento, xa hai 300 inscritos aínda que dende a organización agardan superar a cifra de participantes da última edición na que tomaron parte 700 ciclistas. Os interesados poden anotarse ata o venres tanto de xeito presencial a oficina de deportes situada na casa da cultura ou no enderezo deportes@boiro.org.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí