SALNÉS> Despois de tres meses sen liga esta fin de semana volve a competición na Terceira e na Preferente. Tódolos representantes do Salnés xogarán o domingo agás o Portonovo que debutará mañá na Xunqueira ante o filial do Pontevedra. O encontro máis interesante da xornada será o que disputen na Malata Racing de Ferrol e Vilalonga.
Ó Vilalonga tócalle comezar este ano nunha das prazas máis complicadas da categoría. Os de Gabi Leis visitan a un dos favoritos ó ascenso, como o Racing de Ferrol, que como en anos anteriores conta cun bloque de gran potencial. Os celestes despois dunha pretemporada irregular buscarán dar a sorpresa sen Nando e Portela, que son baixa para o choque.
En Baltar de Arriba o Sanxenxo ten a priori un debut máis asequible ante o Cultural Areas. As boas sensacións que deixaron os de Calucho en pretemporada convidan ó optimismo ante un rival que en principio tamén loitará pola permanencia.
Na Preferente o primeiro en debutar será o Portonovo ante o sempre complicado Pontevedra B. Un bo test para os de Luís Casais que este ano confían de pleno na xente da casa.
Ante outro filial pero xa o domingo terá que medirse o Céltiga. Os da Illa, igual que o Portonovo, contan cun plantel curto de efctivos pero de gran calidade. A ausencia de Ferreiro pode lastrar o ataque dos de Núñez ante un perigoso Ourense B.
Ó Ribadumia tócalle bailar cun dos recén ascendidos, un clásico da categoría como o Celanova. O conxunto da Senra volveu a reforzarse ben e confían en sacar algo positivo do campo de San Rosendo.
Por último, un dos grandes duelos da xornada inaugural será o que se vivirá na Lomba entre Arosa e Verín. Os vilagarciáns queren comezar con bo pé este ano e seguir na mesma liña coa que remataron a temporada anterior. Enfronte, o cadro ourensán pouco se parece ó que foi cuarto na última campaña. Numerosas baixas no cadro de Tonino fan prever unha temporada difícil para o cadro ourensán.
Redacción Salnés