Telmo Martín propón dotar de catro carrís a nova ponte do Lérez

    rafaellouzan_telmomartin_100.jpgPONTEVEDRA > Esta mañá reuníronse o Presidente da Deputación de Pontevedra e o líder dos populares pontevedreses para analizar as suxestións que este grupo …

    … lle expuxo ó proxecto da nova ponte sobre o río Lérez. Unha xuntanza prevista nun comezo para o luns, pero que tiveron que adiantar ante á convocatoria feita dende a Xunta ós Presidentes das Deputacións galegas para ese día. As propostas do Partido Popular ó proxecto da nova ponte do Lérez entre as glorietas de Monteporreiro e a estrada de Campo Lameiro, a PO-223, centraron a xuntanza desta mañá entre o portavoz dos populares e o Presidente da Deputación. Para Telmo Martín, trátase dunha obra de futuro, que coma tal, debe contar con catro carrís de circulación. Esta é a principal achega do grupo popular á infraestrutura, á que se unen outras coma un carril bici e dúas beirarrúas.

    Rafael Louzán comprometeuse esta mañá a estudar as propostas do Partido Popular de Pontevedra, que serán analizadas polos servizos técnicos e xurídicos do organismo provincial. Unhas achega que cualificou de positivas e que segundo Louzán, non supoñerán un aumento significativo do custe da infraestrutura, a pesares de que esta puidese duplicar o seu número de carrís. Tampouco alterarán o concurso que a Deputación xa puxo en marcha, nin lle afectarán ás propiedades lindeiras. A Deputación tamén está a estudar agora as suxestións enviadas dende o concello de Pontevedra.

    César Mosquera, edil de Infraestruturas, defende a humanización da ponte, con beirarrúas e zonas cubertas que resgarden ós peóns da chuvia, pero tamén criticou a proposta do Partido Popular, xa que con ela se concentraría todo o tráfico do norte de Pontevedra, na zona de Monteporreiro. A Nova Ponte custaralle uns 19 millóns de euros á Deputación de Pontevedra, quen asegurou esta mañá que con actuacións coma esta se converten na institución pública con máis inversión real na cidade.

    Redacción Salnés