PORTO DO SON> O posto está a ser cuberto de xeito temporal por facultativos doutros centros de saúde do municipio, como é o caso de Porto do Son ou Portosín, o que está a provocar tamén que a atención nestes ambulatorios sexa deficiente.
Dende hai algún tempo a praza de médico de familia no centro de saúde de Xuño, que atende ademais de veciños deste núcleo, a pacientes doutras parroquias como son Caamaño ou Queiruga, non está a ser cuberta de xeito definitivo.
O Sergas vai parcheando como pode, e envía cada semana a un facultativo diferente, o que provoca un serio malestar entre os usuarios.
Temen que detrás de toda esta manobra estea a intención de pechar o dispensario, ó que se opoñen rotundamente, xa que a maior parte dos pacientes son xente maior, o que conlevaría un grave prexuízo para eles ó ter que desprazarse a outros lugares para seren atendidos.
O BNG da localidade fíxose eco tamén deste problema, pedindo unha solución urxente, como reclaman os veciños.
O feito de que o posto sexa cuberto de xeito temporal por facultativos doutros centros de saúde do municipio, como é o caso de Porto do Son ou Portosín, non satisfai ós nacionalistas, xa que conleva a unha desatención dos pacientes destes ambulatorios.