Veciños de Fonte da Laxe protestan pola falla de seguridade viaria

    laxe_100.jpgVILAGARCÍA > Os veciños de Fonte da Laxe, en Vilagarcía, protestan polas condicións de inseguridade no tráfico que viven ó pé das súas casas.

    Nestes barrios, cada día pasan centos de vehículos a altas velocidades por unhas estradas e camiños estreitos, que en moitos dos casos so colle un vehículo á vez. A situación empeora por momentos á unha da mediodía, de 2.30 a 3.30 e de 7.30 a 8.30 da tarde, horas nas que se acumula unha gran cantidade de automóbiles, que intentan evitar así a conxestión do casco urbán.

    Os veciños denuncian ademais que nalgúns puntos, como o da costa da Birbiricheira; á altura dos número 3 ó 19 de Arealonga, a situación é aínda peor, posto que, a maiores de que non collen dos automóbiles ó tempo, cando se atopan un vehículo e un peón, os viandantes non teñen lugar para onde apartarse máis que a unha profunda gabia cuberta de maleza; e achegarse a un muro, que tamén está o caer.

    Toda esta situación de total inseguridade xa foi posta en coñecemento das autoridades locais a principios do ano pasado, e mesmo en verán a alcaldesa de Vilagarcía, Dolores García, visitara sobre o terreo esta parroquia. Foi daquela cando lles prometeu que ía a construír varias bandas rugosas de obra; unha medida pola que os veciños aínda continúan agardando.

    Na súa última asemblea os veciños decidiron agardar un tempo máis en sinal de boa vontade a ver se o Concello é quen de construír as bandas sonoras, así como outras medidas de seguridade necesarias como sinais de prioridade de paso, unha marquesiña para os rapaces, o cambio de sitio dos contedores ou os arranxos das recollidas de pluviais.

    De non seren atendidas estas peticións, os veciños emprenderán mobilizacións e medidas de presión, para evitar que os continuos accidentes que se producen neste vial, cheguen a deixar algún ferido.

    Redacción Salnés