VILAGARCÍA > A Asociación de Pais de Alumnos do colexio Anexo A Lomba acadou diversos compromisos do goberno local na última reunión …
… que mantivo coa edil de Educación, Susana Camiño.
O colexio Anexo A Lomba de Vilagarcía contará cun acceso seguro a través dunha pasarela polo parque Doutor Fleming. Alomenos este é un dos compromisos firmes que fixo a concelleira de Educación Susana Camiño na última reunión que tivo coa ANPA. Deste xeito evítase que os nenos suban ó centro por unha rúa asfaltada sen beirarrúas, estreita e de dobre sentido. Segundo se acordou na reunión, a obra realizarase durante o verán. Tamén durante as vacacións se arranxarán outras deficiencias dentro do colexio e se eliminará parte do aparcamento que hai diante do centro. Máis inmediato será a colocación de novas persianas nas aulas. A asociación de pais agradece os compromisos pero advirte que estarán moi atentos ó seu cumprimento.
Outras reivindicacións feitas pola ANPA serán estudiadas polo Concello, como o arranxo do peche metálico do patio, cambiar o firme do patio interior ou eliminar as barreiras arquitectónicas e facilitar a entrada ó xardín desde a Casa da Xuventude. De todo isto, os pais informarán nunha asemblea da ANPA que se celebra o mércores ás sete e media da tarde no colexio.
Redacción Salnés