MEIS> O sol volveu saír en Meis na terceira edición da Carreira de Leo. Unha marea humana encheu a localidade este domingo para participar nesta proba solidaria. Unhas 2.400 persoas participaron nesta cita que serviu para recadar fondos para enfermidades raras, nesta ocasión, para a Asociación Española de Enfermos de Alexander e a entidade Duchenne Parent Project. Un evento que ademais serve para lembrar a memoria do pequeno Leo, falecido a causa dunha doenza rara.
Cheo total en Meis con motivo da Carreira e Andaina Solidaria de Leo. A terceira edición, celebrada este domingo, trouxo ata o municipio a centos e centos de persoas de todas as idades. Se o ano pasado o evento superara todas as expectativas, esta edición foi aínda máis alá, superando os 2.400 participantes.
A organización amosaba o seu agradecemento pola excepcional acollida desta iniciativa, que serve para recadar cartos para colectivos que atenden a persoas con enfermidades raras. Nesta edición, os fondos vanse entregar á Asociación Española de Enfermos de Alexander e a entidade Duchenne Parent Project.
A carreira serviu tamén, unha vez máis, de homenaxe ao pequeno Leo, un neno da localidade que faleceu, precisamente, a consecuencia dunha enfermidade rara.
Con toda a veciñanza apoiando á súa familia, impulsores desta iniciativa, desenvolveuse esta proba que se divide en dúas partes. Por unha banda, unha andaina de seis quilómetros e medio e, pola outra, unha carreira de cinco quilómetros. Ademais, para a rapazada houbo distintos niveis, en función da súa idade.
O momento máis emotivo desta edición tivo lugar ao comezo da proba, cando os corredor abriron paso ás persoas que participaron en carreira de rodas e os seus acompañantes.
De feito, este ano eles tiveron un gran protagonismo, reivindicando a súa figura. É máis, un dos padiños desta edición foi Eric Domingo, récord en maratón empurrando unha cadeira de rodas. Canda e el, a cantante Fátima Pego.
A xornada incluíu tamén disintas propostas musicais, animación e gastronomía. Contou co apoio do Concello de Meis, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.











