A Xunta licita melloras no porto do Xufre por 3,4 millóns de euros

    portoxufre100_290408.jpgSALNÉS > Portos de Galicia investirá 3,4 millóns de euros no porto do Xufre, na Illa. O proxecto saíu hoxe a licitación …

    … e prevé melloras para a descarga de mexillón e tamén para potenciar o uso da náutica deportiva na zona.

    Política Territorial anuncia hoxe no DOG a licitación das obras de mellora das instalacións portuarias do Xufre, na Illa de Arousa, cun orzamento base de 3,4 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses. A Xunta destaca que neste porto se está a rexistrar un aumento da actividade mexilloeira e que por iso Portos de Galicia decidiu aumentar a capacidade de descarga de mexillón cunha terceira rampla. Política Territorial tamén ten en conta as demandas de náutica deportiva e recolle no proxecto licitado unhas novas instalacións náuticas que se situarán nun novo abrigo a construír.

    Así, as obras hoxe licitadas consisten fundamentalmente na construción dunha nova rampla de descarga a continuación das actuais, a creación dunha nova dársena abrigada exterior á existente, a creación dunha explanada na que se ubicarán os servizos en terra, a instalación de pantaláns e a dragaxe da zona.

    No DOG tamén se publica hoxe a licitación das obras de construcción de 14 novos departamentos para usuarios no Porto de Portonovo, cun orzamento de 560 mil euros e un prazo de execución de seis meses.

    Redacción Salnés