A Garda Civil investiga un incendio na nave de Espectáculos Lito en Caldas

CALDAS> Incendio nas instalacións de Espectáculos Lito en Caldas. O lume calcinou por completo un taller de soldadura, anexo ás naves principais. Ademais, víronse afectados varios vehículos que estaban estacionados na contorna. A rápida intervención dos servizos de emerxencia evitou que as lapas se propagasen polo resto das naves. Tampouco houbo persoas feridas. Xa está en marcha unha investigación para tentar esclarece-la orixe do incendio.

A Garda Civil investiga xa as causas do incendio nas instalacións de Espectáculos Lito, en Caldas de Reis. O lume declarábase contra as 2 da tarde deste xoves nun taller de soldadura anexo ás naves principais e a dous estudos de gravación.

A rápida intervención dos servizos de emerxencia evitou que as lapas se propagasen polo resto do complexo. Iso si, no interior do taller non quedou nada: ardeu por completo todo o que había no seu interior, como equipos electrónicos e diverso material de traballo.

Ademais, tamén se viron afectados varios vehículos que estaban estacionados na contorno, pola caída de material incandescente. Por sorte, non hai que lamentar danos persoais.

Foi unha persoa que se atopaba no interior das instalacións o que deu a voz de alarma. Con todo, ante a columna de fume que se chegou a erguer na zona o 112 recibiu varias chamadas alertando da situación.

Ata a zona achegáronse os Bombeiros do Salnés, Protección Civil de Cladas e tamén a Policía Local e a Garda Civil. Ademais, participou no dispositivo unha dotación dos servizos forestais da zona, que colaboraron na extinción do lume con ata cinco motomombas.

A media tarde, o incendio quedaba xa sufocado por completo… só queda determina-la súa orixe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí