As fixas discontinuas da conserveira Pérez Lafuente esixen traballo

    traballadorasperezlafuente100_290408.jpgVILANOVA > As traballadoras fixo discontinuas da conserveira Pérez Lafuente, de Vilanova, esixen traballo efectivo. A CIG convocounas hoxe a unha concentración

    … para denunciar que despois de dous anos na empresa non teñen nin seis meses de traballo acumulado.

    Unhas trinta traballadoras da conserveira Antonio Pérez Lafuente, de Vilanova, concentráronse esta mañá ás portas da empresa, convocadas pola CIG. Protestan pola falta de traballo efectivo para o colectivo de fixas discontinuas. Segundo indican vai xa para dous anos que prestan servizo nesta empresa pero non teñen nin seis meses de traballo acumulados, e polo tanto non teñen dereito a paro ou outro tipo de prestación por desemprego.

    Desde a dirección da empresa, Álvaro Pérez Lafuente indicou a Tele Salnés Barbanza que isto é un asunto laboral e que están nesta situación por un problema de carga de traballo. As manifestantes non opinan o mesmo. Afirman que hai pedidos suficientes para darlles traballo pero, segundo denuncian, de cada vez, a empresa só chama a tres delas, ou como moito a sete. A protesta das traballadoras durou unhas dúas horas e están dispostas a repetila nos vindeiros días.

    Redacción Salnés